Din que hai galegos na lúa, en Tahití, na Selva Amazónica coas tribos máis ignotas. Onde non hai galegos é na NBA, e non porque non puideran. O que si hai é unha chea de galegos que facemos as de dios por seguir esta Liga de horarios infernais

sexta-feira, 6 de novembro de 2009

TERRY E BAREA PERDOAN, STOJAKOVIC NON

Os Mavericks seguen ofrecendo partidos vibrantes. Despois da gloriosa remontada ante os Jazz a noite anterior coa exhibición histórica de Nowitzki no último cuarto, da que falamos onte, tiñan oportunidade de conseguir a súa carta vitoria consecutiva na cancha dos Hornets. O equipo de Byron Scott, que comezou tan mal a Liga como acabou a pasada, saíu motivado para non acumular a cuarta derrota consecutiva e deulle guerra aos Mavs, e cun chisco de sorte incluída, acabaron conseguindo a vitoria (107-114). Dallas non contou desta volta cunha actuación memorable de Nowitzki, nin foi o día de Shawn Marion. Jason Kidd estivo ben, anotando con grnde eficacia dende a liña de tres, se ben o grande protagonista anotador foi Jason Terry, que mesmo quixo emular a Nowitzki cun último cuarto sensacional no que anotou 19 puntos. Porén, o propio Terry foi tamén protagonista da acción negativa que decidiu o partido, xunto co portorriqueño J.J.Barea. A falta de menos de 10 segundos e con tres puntos de vantaxe os Mavericks contaron con tres tiros libres (unha técnica e unha falta persoal) para sentenciar definitivamente o partido. Terry fallou primeiro e Barea os dous seguintes. Os Hornets tiñan, xa que logo, a posibilidade inesperada de forzar a prórroga. Conseguírono cun triple agónico e marabilloso dun xogador que pasara sen pena nin gloria polo partido, o gran Peja Stojakovic, que coa triple anotou os seus tres únicos puntos do partido. Peja non é nin a sombra do que foi pero o talento é o que ten. Na prórroga, os de Louisiana, co subidón aínda no corpo non lle deron máis oportunidades a Dallas, onde Nowitzki, non se sabe se por molestias físicas ou decisión técnica, non xogou os minutos decisivos do último cuarto nin a prórroga. Os Hornets seguen acusando en exceso a dependencia de Chris Paul (39 puntos e 7 asistencias) e David West (25 punos e 10 rebotes). Esta temporada procuraron paliar un dos seus grandes déficits, a ausencia dun cinco de calidade, coa chegada de Emeka Okafor, que onte tivo con todo un partido discreto. Podedes ver o resumo do partido neste video:

Sem comentários:

Enviar um comentário


Arquivo do blogue

Seguidores