Din que hai galegos na lúa, en Tahití, na Selva Amazónica coas tribos máis ignotas. Onde non hai galegos é na NBA, e non porque non puideran. O que si hai é unha chea de galegos que facemos as de dios por seguir esta Liga de horarios infernais

segunda-feira, 16 de novembro de 2009

BRANDON JENNINGS PROTAGONIZA UN DÍA PARA A HISTORIA

A NBA é unha Liga moi agradecida á hora de ofrecer momentos imborrables, pero o de onte será dificilmente igualable esta temporada. O protagonista, un rapazolo de 20 anos no seu sétimo partido como profesional: 55 puntos que lle meteu el soíño aos Golden State Warriors. A xesta deixou coa boca aberta aos espectadores do Bradley Center de Milwaukee. Despois dun primeiro cuarto no que non tivo apenas protagonismo malia ser titular, e dun segundo no que brillou moito máis e mantivo un fermoso duelo co outro rookie de moda Stephen Curry; no terceiro anotou, practicamente, todo canto intentou. En doce minutos sumou 29 puntos, os mesmos que Nowitzki noutro dos partidos senlleiros da temporada. Grazas á súa intevernción persoal, Jennings axudou ao seu equipo a darlle a volta a un marcador ata o daquela adverso. No último cuarto, con 16 puntos, estableceu a diferencia final entre os dous equipos nun partido realmente igualado e que os Bucks non amarraron (125-129) ata o último minuto. Brandon Jennings convértese deste xeito no xogador máis novo da Historia da NBA (ten 20 anos) en facer 50 puntos nun partido, e quédase a 3 do mellor rexistro anotador dun rookie na Historia (Wilt Chamberlain en 1960 cos Sixers fíxolles 58 aos Pistons). Do mesmo xeito, demarra na careira polo rookie do ano. Scott Skiles frota as mans pensando que co seu novo xogador os Bucks poidan volver por fin, cinco anos despois, a disputar uns playoffs. Jennings é rapidísimo, atrevido e magnífico tirador (fixo onte 7 de 8 en triples). Aquí temos un vídeo da súa proeza.

Sem comentários:

Enviar um comentário


Arquivo do blogue

Seguidores