Din que hai galegos na lúa, en Tahití, na Selva Amazónica coas tribos máis ignotas. Onde non hai galegos é na NBA, e non porque non puideran. O que si hai é unha chea de galegos que facemos as de dios por seguir esta Liga de horarios infernais

quinta-feira, 29 de outubro de 2009

QUE CORRAN OS OUTROS

Para os que somos dos Sixers é duro ver o grande Andre Miller con outra camisola. En Portland, en cambio, relámbense por ter por fin un base de verdade. Onte visitaban o Rose Garden os Rockets, aos que lles agarda unha dura temporada sen Yao Ming. O partido tiña moito morbo. Primeiro porque os Rockets eliminaron os Blazers na primeira ronda dos play offs da pasada campaña. Logo polo duelo entre Trevor Ariza e Rudy Fernández, un campión da NBA e un campión de Europa, que tiveron un notorio desencontro a pasada campaña, cando nin o un era campión da NBA nin o outro campión de Europa. Lembren: 


Ao final gañaron os Blazers (87-96), que romperon o partido no segundo cuarto con Miller en cancha. Rompérono a base de correr. Inda que non todos. Para que os Blazers corran e chimpen cómpre que Miller xogue andando. É o que ten ser un xenio. Polo demais destacable o partido de Webster e Outlaw (máximo anotador con 23 puntos) e poderoso Greg Oden -esta pode ser a súa primeira gran temporada- no poste baixo (12 rebotes e 5 tapóns). Ante o poderío do pívot de Buffalo, xa naceu en sitio acaído, pouco puideron facer os pivots de Houston. Dous dos meus catros favoritos da Liga, Scola e Landry, tiveron un partido máis ben discreto. Destacable, porén, o debut de David Andersen. En canto a Ariza, empezou espectacularmente pero a partir do segundo cuarto xa non houbo máis noticias de Trevor. 

LEBRON CALOULLE O PUCHO ATA O PESCOZO AO POBRE RAJON RONDO

Volve o espectáculo!!!
Os Cavaliers xa perderon no Quicken Loans Arena a metade dos partidos que perderan a temporada pasada. Fixérono na apertura do curso baloncestístico 2009-20010- grande Andrés Montes- ante os Boston Celtics (95-89). E iso que o primeiro cuarto parecía un vendaval de xogo dos de Mike Brown, con Shaquille arrasando no poste baixo e mandándolle un par de recados cariñosos a Garnett. Pero os Celtics logo espiliron e cun gran Paul Pierce acabaron dominando con maestría o xogo. Debutou polos de Massachussets Rasheed Wallace, que fixo un gran partido con tres triplazos. Lebron James fixo 38 puntos e 4 tapóns- dous espectaculares-. Neste, cálalle o pucho ata o pescozo ao pobre Rajon Rondo, ao que aínda lle dura o susto


Seguidores