NBA GALIZA

Din que hai galegos na lúa, en Tahití, na Selva Amazónica coas tribos máis ignotas. Onde non hai galegos é na NBA, e non porque non puideran. O que si hai é unha chea de galegos que facemos as de dios por seguir esta Liga de horarios infernais

domingo, 29 de novembro de 2009

OS MAVERICKS ARRASAN HOUSTON

Segundo derbi texano entre Dallas e Houston e, outravolta, vitoria incontestable (99-130) dos Mavericks. Temos chufado moito aquí a extraordinaria actitude dos Rockets, que nestes tempos de escaseza, sen Yao nin McGrady, demostran un extrarodinario espírito competitivo. Pero a calidade acaba marcando diferencias e os de Carlisle teñen calidade para dar e tomar Os Rockets saíron enchufados e metéronlle un parcial de inicio a Dallas de 17-4. A partir de aí acabou o partido. Os Mavs foron unha apisonadora. Defenderon como cans de presa e en ataque entroulles practicamente todo. Mención especial para o grandísimo Jason Terry, con 27 puntos (10 de 11 en tiros de campo, 4 de 4 en triples, 3 de 3 en tiros libres e 10 asistencias!). Onte ademáis apareceu outro dos secundarios de luxo neste plantel, que apenas interviñera nas xornadas anteriores: Tim Thomas, que fixo 23 puntos. Houston Rockets comeza a pagar as carencias do seu plantel, especialmente a falta dun home alto na pintura e un xogador de calidade que acompañe o magnífico espírito de loita dos seus compañeiros. Xa van 8 derrotas en 16 partidos.

CON WADE TODO É POSIBLE

Excelente derbi de Florida entre Miami Heat e Orlando Magic. Miami é unha franquía que segue medrando. Con Wade como principal reclamo e a achega de Jermaine O´Neal no poste baixo, só queda agardar pola explosión definitiva de Daequan Cook e, sobre todo, Michael Beasley, para que os Heat se convirtan nun dos principais equipos da Conferencia Leste. Contra Orlando tiveron paciencia e acabaron dándolle a volta ao marcador (99-98) no último cuarto despois de iren a rebufo dos Magic todo o tempo. Para os actuais campións de Conferencia foi unha excelente noticia o gran partido do veterano Jason Williams (25 puntos e 8 asistencias). Sen facer o mellor partido do ano parecía que chegaría para derrotar a uns Heat nos que Wade tiña un día nefasto. Non lle entrou practicamente nada durante os tres primeiros cuartos. Pero un sabe que se a Wade non lle entra nada nos tres primeiros cuartos, hai que prepararse para sufrir no cuarto. Así foi. Botou o equipo ás costas e acabou remontando unha desvantaxe de ata once puntos. No último segundo xogouse a canastra definitiva. Non anotou pero apareceu Michael Beasley para converter un mal tiro nunha excelente asistencia. Se hai catro equipos no Leste por riba dos demais (Cleveland, Boston, Orlando e Atlanta), Miami axexa a moi pouca distancia. Nuns play offs poden gañarlle a calquera.

OS SIXERS TERÁN QUE SUAR PARA ESTAR NOS PLAY OFFS

Ai, os Sixers! Mal non xogan, pero ben tampouco, e ao final xa van 11 derrotas en 16 partidos. E a Conferencia Leste está cada vez máis igualada, polo que os play offs vai haber que sualos moito. Certo que nunca é facil visitar Boston, e menos se chegas coas baixas de tres xogadores tan importantes como Elton Brand, Marreese Speights e Lou Williams. Pero o problema é que inda sen xogar mal e tendo o partido a tiro para o espectador, inda sendo dos Sixers, a sensación é de que non vai chegar. E así foi. Os Celtics, sen facer nada doutro mundo, simplemente coa veteranía dos seus xogadores, chegaron ao ultimo minuto do partido co marcador no aire pero coa confianza suficiente para asegurar a vitoria (110-113). Para Philadelphia a única noticia positiva foi que o hawaiano Jason Kapono por fin se demostrou útil para o equipo e achegou 20 puntiños, cunha boa secuencia dende os triples. Do mesmo xeito positivo o partido de Willie Green con 18 puntos e 6 de 8 en tiros de campo. A Iguodala non se lle pode acusar de esconderse, dende logo, a Jrue Holliday cos seus 19 anos tampouco se lle pode criticar certa inconsistencia no posto de base, nin a Thaddeus Young no seu segundo ano que teña partidos marabillosos e outros non tanto. E Dalembert? Vaites, Dalembert é Dalembert. O caso é que, polo momento, co que hai parece que non chega.

quinta-feira, 26 de novembro de 2009

A EXTRAORDINARIA FAZAÑA DOS ´SEIS DE DALLAS`

Poucas veces pódese chegar a unha cancha con tantas baixas como as que presentaban os Golden State Warriors na súa visita a Dallas. Por non ir, non foi nin o adestrador Don Nelson, aqueixado dunha dura pneumonía. Tanto despropósito parecía demasiado para trabarlle a uns Mavericks que son un dos equipos máis fiables do Oeste (e que seguen sendo a miña aposta persoal para esta temporada), pero trabáronlles (111-103). O que fixeron Stephen Curry, Monta Ellis, Anthony Morrow, Anthony Randolph, Mikki Moore e Vule Radmanovic pasará á historia da franquía californiana. Seis xogadores só repartindose todos os minutos (de feito Radmanovic, Ellis e Morrow non chegaron a pasar polo banco) ante un rival que non está precisamente carente de banquillo. Pódeselles acusar aos Mavericks de certa desidia nalgúns momentos do partido nun día que llelas puxeron como a Felipe II. Iso non lle resta mérito a uns Warriors que fixeron honra ao seu nome e pelearon ata a extenuación mesmo nos momentos nos que o partido parecía decantarse do lado texano. Mención especial para Monta Ellis, líder dos `seis de Dallas´, cos seus 37 puntos e 8 asistencias.

MATT BONNER ACABA COS BUCKS DENDE A LIÑA DE 3

Os veteranos Spurs fai tempo que non poden ofrecer o seu equipo de gala dados os problemas físicos das súas principais estrelas, sobre todo do arxentino Manu Ginobili. Con todo, teñen oficio para regalar e malia un mal comezo de temporada logo explotan recursos abondos para endereitar o rumo. Non era fácil o partido ante os Milwaukee Bucks, que soñan despois da irrupción espectacular do rookie Brandon Jennings e a confirmación de que Ersan Ilyasova está sobrado para a NBA. Pero os de Poppovich venceron (98-112) con comodidade grazas sobre todo á solvencia de Tim Duncan (24 puntos e 12 rebotes), e sobre todo, á exhibición de Matt Bonner dende a liña de 3 (6 de 8). O de New Hampshire é, sen dúbida, malia a súa estraña mecánica de tiro, un dos máis solventes triplistas da Liga.

DARÁN ESTES CLIPPERS PARA SE METEREN EN PLAY OFFS?

Sería bonito pensar que este ano os Clippers volveran aparecer por uns play offs. Dende logo, as sensacións son moito más esperanzadoras que en épocas pasadas. Á falta de que se incorpore Blake Griffin, primeira elección do draft e baixa dende o inicio da temporada, e mesmo con Eric Gordon mancado, o xogo dos de Dunleavy non é desprezable. Onte visitaban o Staples Center os todopoderosos Nuggets e acabaron caendo (99-106). Foi deses días, é certo, que aos de Colorado non lles sae case nada, independentemente de que Carmelo se manteña no seu promedio anotador (37 puntos) e Nenê cumpra no poste baixo (18 puntos e 12 rebotes). Pero os Clippers fixeron un gran partido. Tampouco foi necesaria unha grande actuación de Chris Kaman. Os protagonistas foron a segunda unidade. Gran partido de Telfair, Chris Smith, Deandre Jordan, e sobre todo de Rasual Butler. O ex dos Hornets é un xogador moi completo e que pode mellorar moito as prestacións do seu equipo, sexa grazas ás súas penetracións ou ao seu correcto tiro de 3. Onte fixo 27 puntos. JR Smith non tivo o seu día pero con todo deixou a xogada do partido, esta espectacular bandexa despois dun xiro no aire de 360 graos.

quarta-feira, 25 de novembro de 2009

UN NOVO RETO PARA LARRY BROWN

Charlotte Bobcats é unha das franquías máis recentes da NBA. Nos seus seis anos de historia aínda non conseguiron clasificarse para uns playoffs. A súa principal aposta é o adestrador principal, Larry Brown, un dos máis míticos técnicos da Liga con máis de mil partidos ás súas costas, campión cos Pistons en 2004 e finalista cos Sixers en 2001, e que ten o mérito de ser o adestrador que clasificou máis equipos diferentes para playoffs: sete. O ano pasado a piques estivo de conseguilo cun oitavo equipo, os Bobcats, grazas a un bo remate de Liga Regular no que lle foi pisando os calcaños precisamente aos Pistons. Este ano volverá intentalo inda que non será nada fácil. Nun plantel sen grandes estrelas, Brown procurará argallar un equipo competitivo para facerse un oco entre os oito primeiros do Leste. Onte, cando menos, Charlotte demostrou ser algo máis equipo que Indiana Pacers (88-104). Moi duros en defensa e repartíndose perfectamente o protagonismo en ataque. Ata sete xogadores sumaron máis de dez puntos destacando o gran partido do veterano Nazr Mohammed no poste baixo e os bos minutos do rookie Derrick Brown. Sen ningunha estrela, non lle faltan a Brown bos xogadores, como o intelixente Boris Diaw, dous bases ben apañados como Felton e Augustine, un sexto home de garantías como Flip Murray e anotadores eficaces como Stephen Jackson ou Gerald Wallace. Que este equipo chegue aos playoffs é un reto ben gorentoso para Larry Brown.


Arquivo do blogue

Seguidores