Din que hai galegos na lúa, en Tahití, na Selva Amazónica coas tribos máis ignotas. Onde non hai galegos é na NBA, e non porque non puideran. O que si hai é unha chea de galegos que facemos as de dios por seguir esta Liga de horarios infernais

domingo, 29 de novembro de 2009

OS MAVERICKS ARRASAN HOUSTON

Segundo derbi texano entre Dallas e Houston e, outravolta, vitoria incontestable (99-130) dos Mavericks. Temos chufado moito aquí a extraordinaria actitude dos Rockets, que nestes tempos de escaseza, sen Yao nin McGrady, demostran un extrarodinario espírito competitivo. Pero a calidade acaba marcando diferencias e os de Carlisle teñen calidade para dar e tomar Os Rockets saíron enchufados e metéronlle un parcial de inicio a Dallas de 17-4. A partir de aí acabou o partido. Os Mavs foron unha apisonadora. Defenderon como cans de presa e en ataque entroulles practicamente todo. Mención especial para o grandísimo Jason Terry, con 27 puntos (10 de 11 en tiros de campo, 4 de 4 en triples, 3 de 3 en tiros libres e 10 asistencias!). Onte ademáis apareceu outro dos secundarios de luxo neste plantel, que apenas interviñera nas xornadas anteriores: Tim Thomas, que fixo 23 puntos. Houston Rockets comeza a pagar as carencias do seu plantel, especialmente a falta dun home alto na pintura e un xogador de calidade que acompañe o magnífico espírito de loita dos seus compañeiros. Xa van 8 derrotas en 16 partidos.

CON WADE TODO É POSIBLE

Excelente derbi de Florida entre Miami Heat e Orlando Magic. Miami é unha franquía que segue medrando. Con Wade como principal reclamo e a achega de Jermaine O´Neal no poste baixo, só queda agardar pola explosión definitiva de Daequan Cook e, sobre todo, Michael Beasley, para que os Heat se convirtan nun dos principais equipos da Conferencia Leste. Contra Orlando tiveron paciencia e acabaron dándolle a volta ao marcador (99-98) no último cuarto despois de iren a rebufo dos Magic todo o tempo. Para os actuais campións de Conferencia foi unha excelente noticia o gran partido do veterano Jason Williams (25 puntos e 8 asistencias). Sen facer o mellor partido do ano parecía que chegaría para derrotar a uns Heat nos que Wade tiña un día nefasto. Non lle entrou practicamente nada durante os tres primeiros cuartos. Pero un sabe que se a Wade non lle entra nada nos tres primeiros cuartos, hai que prepararse para sufrir no cuarto. Así foi. Botou o equipo ás costas e acabou remontando unha desvantaxe de ata once puntos. No último segundo xogouse a canastra definitiva. Non anotou pero apareceu Michael Beasley para converter un mal tiro nunha excelente asistencia. Se hai catro equipos no Leste por riba dos demais (Cleveland, Boston, Orlando e Atlanta), Miami axexa a moi pouca distancia. Nuns play offs poden gañarlle a calquera.

OS SIXERS TERÁN QUE SUAR PARA ESTAR NOS PLAY OFFS

Ai, os Sixers! Mal non xogan, pero ben tampouco, e ao final xa van 11 derrotas en 16 partidos. E a Conferencia Leste está cada vez máis igualada, polo que os play offs vai haber que sualos moito. Certo que nunca é facil visitar Boston, e menos se chegas coas baixas de tres xogadores tan importantes como Elton Brand, Marreese Speights e Lou Williams. Pero o problema é que inda sen xogar mal e tendo o partido a tiro para o espectador, inda sendo dos Sixers, a sensación é de que non vai chegar. E así foi. Os Celtics, sen facer nada doutro mundo, simplemente coa veteranía dos seus xogadores, chegaron ao ultimo minuto do partido co marcador no aire pero coa confianza suficiente para asegurar a vitoria (110-113). Para Philadelphia a única noticia positiva foi que o hawaiano Jason Kapono por fin se demostrou útil para o equipo e achegou 20 puntiños, cunha boa secuencia dende os triples. Do mesmo xeito positivo o partido de Willie Green con 18 puntos e 6 de 8 en tiros de campo. A Iguodala non se lle pode acusar de esconderse, dende logo, a Jrue Holliday cos seus 19 anos tampouco se lle pode criticar certa inconsistencia no posto de base, nin a Thaddeus Young no seu segundo ano que teña partidos marabillosos e outros non tanto. E Dalembert? Vaites, Dalembert é Dalembert. O caso é que, polo momento, co que hai parece que non chega.

quinta-feira, 26 de novembro de 2009

A EXTRAORDINARIA FAZAÑA DOS ´SEIS DE DALLAS`

Poucas veces pódese chegar a unha cancha con tantas baixas como as que presentaban os Golden State Warriors na súa visita a Dallas. Por non ir, non foi nin o adestrador Don Nelson, aqueixado dunha dura pneumonía. Tanto despropósito parecía demasiado para trabarlle a uns Mavericks que son un dos equipos máis fiables do Oeste (e que seguen sendo a miña aposta persoal para esta temporada), pero trabáronlles (111-103). O que fixeron Stephen Curry, Monta Ellis, Anthony Morrow, Anthony Randolph, Mikki Moore e Vule Radmanovic pasará á historia da franquía californiana. Seis xogadores só repartindose todos os minutos (de feito Radmanovic, Ellis e Morrow non chegaron a pasar polo banco) ante un rival que non está precisamente carente de banquillo. Pódeselles acusar aos Mavericks de certa desidia nalgúns momentos do partido nun día que llelas puxeron como a Felipe II. Iso non lle resta mérito a uns Warriors que fixeron honra ao seu nome e pelearon ata a extenuación mesmo nos momentos nos que o partido parecía decantarse do lado texano. Mención especial para Monta Ellis, líder dos `seis de Dallas´, cos seus 37 puntos e 8 asistencias.

MATT BONNER ACABA COS BUCKS DENDE A LIÑA DE 3

Os veteranos Spurs fai tempo que non poden ofrecer o seu equipo de gala dados os problemas físicos das súas principais estrelas, sobre todo do arxentino Manu Ginobili. Con todo, teñen oficio para regalar e malia un mal comezo de temporada logo explotan recursos abondos para endereitar o rumo. Non era fácil o partido ante os Milwaukee Bucks, que soñan despois da irrupción espectacular do rookie Brandon Jennings e a confirmación de que Ersan Ilyasova está sobrado para a NBA. Pero os de Poppovich venceron (98-112) con comodidade grazas sobre todo á solvencia de Tim Duncan (24 puntos e 12 rebotes), e sobre todo, á exhibición de Matt Bonner dende a liña de 3 (6 de 8). O de New Hampshire é, sen dúbida, malia a súa estraña mecánica de tiro, un dos máis solventes triplistas da Liga.

DARÁN ESTES CLIPPERS PARA SE METEREN EN PLAY OFFS?

Sería bonito pensar que este ano os Clippers volveran aparecer por uns play offs. Dende logo, as sensacións son moito más esperanzadoras que en épocas pasadas. Á falta de que se incorpore Blake Griffin, primeira elección do draft e baixa dende o inicio da temporada, e mesmo con Eric Gordon mancado, o xogo dos de Dunleavy non é desprezable. Onte visitaban o Staples Center os todopoderosos Nuggets e acabaron caendo (99-106). Foi deses días, é certo, que aos de Colorado non lles sae case nada, independentemente de que Carmelo se manteña no seu promedio anotador (37 puntos) e Nenê cumpra no poste baixo (18 puntos e 12 rebotes). Pero os Clippers fixeron un gran partido. Tampouco foi necesaria unha grande actuación de Chris Kaman. Os protagonistas foron a segunda unidade. Gran partido de Telfair, Chris Smith, Deandre Jordan, e sobre todo de Rasual Butler. O ex dos Hornets é un xogador moi completo e que pode mellorar moito as prestacións do seu equipo, sexa grazas ás súas penetracións ou ao seu correcto tiro de 3. Onte fixo 27 puntos. JR Smith non tivo o seu día pero con todo deixou a xogada do partido, esta espectacular bandexa despois dun xiro no aire de 360 graos.

quarta-feira, 25 de novembro de 2009

UN NOVO RETO PARA LARRY BROWN

Charlotte Bobcats é unha das franquías máis recentes da NBA. Nos seus seis anos de historia aínda non conseguiron clasificarse para uns playoffs. A súa principal aposta é o adestrador principal, Larry Brown, un dos máis míticos técnicos da Liga con máis de mil partidos ás súas costas, campión cos Pistons en 2004 e finalista cos Sixers en 2001, e que ten o mérito de ser o adestrador que clasificou máis equipos diferentes para playoffs: sete. O ano pasado a piques estivo de conseguilo cun oitavo equipo, os Bobcats, grazas a un bo remate de Liga Regular no que lle foi pisando os calcaños precisamente aos Pistons. Este ano volverá intentalo inda que non será nada fácil. Nun plantel sen grandes estrelas, Brown procurará argallar un equipo competitivo para facerse un oco entre os oito primeiros do Leste. Onte, cando menos, Charlotte demostrou ser algo máis equipo que Indiana Pacers (88-104). Moi duros en defensa e repartíndose perfectamente o protagonismo en ataque. Ata sete xogadores sumaron máis de dez puntos destacando o gran partido do veterano Nazr Mohammed no poste baixo e os bos minutos do rookie Derrick Brown. Sen ningunha estrela, non lle faltan a Brown bos xogadores, como o intelixente Boris Diaw, dous bases ben apañados como Felton e Augustine, un sexto home de garantías como Flip Murray e anotadores eficaces como Stephen Jackson ou Gerald Wallace. Que este equipo chegue aos playoffs é un reto ben gorentoso para Larry Brown.

terça-feira, 24 de novembro de 2009

CON GASOL MUDA O CONTO E A CANASTRA IMPOSIBLE DE KOBE

Pau Gasol xa está de volta e os Lakers recuperan o feitío dun equipo campión. Despois dun inicio discreto de temporada no que mesmo se escoitaron apupos no Staples Center, volven as exhibicións do equipo de Phil Jackson. Gasol é un xogador extraordinario. Alén das súas condicións individuais (onte nun partido discreto fixo 15 puntos, 7 rebotes e 6 asistencias), fai moito mellores aos seus compañeiros, nomeadamente a Andy Bynum, que con menos defensores pendentes del pode demostrar todo o seu poderío na pintura (25 puntos e 9 rebotes). Persoalmente, non vexo fácil que os Lakers repitan o título. Van ter rivais moi duros na súa propia conferencia (Dallas e Denver, especialmente), pero está claro que calquera opción de sumar un novo anel pasa por que as lesións respecten ao pívot catalán e, por suposto, a Kobe Bryant, que cada partido ofrece un auténtico recital de xogadas alucinantes. Onte, na clara vitoria dos californianos ante Oklahoma City Thunder (85-101) deixou varias veces o público coa boca aberta. Algúns seguimos con ela aberta, sobre todo, despois deste canastón absolutamente inverosímil.

A IMPORTANCIA DE CHAUNCEY BILLUPS

Xa falei recentemente da brillantez dos Denver Nuggets, que unha vez afinan a puntería son realmente imparables. O equipo de George Karl rebosa talento pero algúns dubidaban da capacidade de conformar un verdadeiro equipo con tantos polos sen cabeza. O intercambio Allen Iverson-Chauncey Billups foi o movemento fundamental para que os de Colorado se converteran nun equipo que pode aspirar a todo. Dende a volta de Chauncey á cidade na que naceu e se criou, non fixo máis que mellorar exponencialmente as posibilidades dos Nuggets. Deixándolle a responsabilidade anotadora a Carmelo Anthony ou JR Smith, aos que fornece con gorentosas asistencias, sabe en que momento ten que acelerar ou acougar o xogo do equipo. Do mesmo xeito, cando a bola non quere entrarlle aos seus compañeiros, é capaz de asumir a responsabilidade anotadora, grazas aos seus fundamentos técnicos para a entrada a canastra ou ao seu pulcro tiro de tres. Foi o que fixo onte para gañarlles (93-112) a uns Bulls que só resistiron tres cuartos do partido. Anthony e Smith agromaron no segundo tempo coa brillantez habitual, pero ata o daquela fora Chauncey o que impedira que os Bulls, máis ordenados, romperan o marcador.

segunda-feira, 23 de novembro de 2009

ORLANDO RECUPERA PEZAS E BRILLA DA MAN DE VINCE CARTER

Orlando Magic vai recuperando todas as súas pezas e visto o visto no Oeste, atreveríame a pensar que non é arriscado apostar por Orlando un ano máis como líder de conferencia. Onte derrotou (83-78) aos Celtics cun grandísimo partido de Vince Carter e unha defensa recia que anulou o xogo de ataque dos verdes, moi desacertados no tiro de campo (34,5%), por non dicir no triple cun paupérrimo 2 de 19. Orlando non precisou da achega anotadora de Dwight Howard (9 puntos inda que 15 rebotes). Ademáis de Carter apareceron puntualmente os triples de Pietrus (4 de 4) e Rashard Lewis (2 de 5). Entrementres, a baixa de Jameer Nelson no posto de base é ben cuberta por un rexuvenecido e cada vez máis centrado Jason Williams. Nunha Conferencia Leste que parece cousa de catro (Boston, Orlando, Cleveland e Atlanta), o equipo de Van Gundy parece a aposta máis segura pola profundidade do seu banco e pola experiencia adquirida na campaña pasada. Será unha magnífica oportunidade para que Vince Carter consiga, por vez primeira na súa carreira, xogar cando menos unhas finais de conferencia. Entrementres, recreámonos con algunhas das súas mellores xogadas temporada pasada.

sexta-feira, 20 de novembro de 2009

NOWITZKI, GRAN PROTAGONISTA DO COMEZO DE TEMPORADA

Segundo derbi texano entre Dallas Mavericks e San Antonio Spurs. Os de Poppovich impuxéranse no primeiro facía unha semana. Desta volta o partido viña marcado polas baixas importantes nos dous equipos. Nos Spurs faltaba Anthony Parker e Ginobili probou sete minutos no primeiro cuarto mais xa non voltou a cancha. Nos Mavericks faltaban Eric Dampier, Shawn Marion e Josh Howard. Foi unha auténtica exhibición defensiva por parte dos dous conxuntos. O marcador manexábase en guarismos moi cativeiros máis por mérito das defensas que por desacertos dos ataques. Tim Duncan era o principal argumento ofensivo dos Spurs, mentres que en Dallas Jason Terry tiña un día para esquecer (5 de 19 en tiros de campo) e toda a produción ofensiva dependía de Nowitzki, como non, e dun espectacular Drew Gooden (17 puntos e 11 rebotes), que está facendo esquecer a Dampier no posto de center. O partido chegou ao treito final igualado. Nowitzki anotaba para Dallas e Duncan rompíalle a cintura a Humphries a falta de cinco segundos para forzar a prórroga. No desempate erixiuse unha vez máis o gran Dirk Nowitzki, inmenso neste comezo de temporada, para decantar o resultado do lado dos Mavs (94-99), que xa son o segundo mellor equipo do Oeste, mentres que San Antonio suma só catro vitorias e está fóra dos postos de playoff.

BRYANT TERMA DOS LAKERS MENTRES NON VOLTA GASOL

Os Lakers gañáronlle (93-106) a uns Pistons moi mermados sen Tayshaun Prince e Richard Hamilton, e cun xogo interior moi pouco produtivo. Todo o perigo dos de Michigan procedeu dos seus tres homes baixos: Stuckey, Will Bynum e Ben Gordon. Demasiado pouco para superar ao actual campión se Kobe, malia un mal comezo, acaba anotando 40 puntos. Á espera do retorno de Gasol, previsto para o vindeiro partido, o xogo dos de Phil Jackson non é demasiado estimulante e demóstrase, un ano máis, a pouca profundidade do seu banco. Onte, malia a pouca resposta dos Pistons, acabaron sufrindo ata o último minuto despois de acabar o terceiro cuarto cunha vantaxe de 25 puntos. O partido foi aburrido pero deixou unha das mellores canastras do que levamos de temporada. O protagonista, como non podía ser doutra maneira, Kobe Bryant.

MELO E NENÊ LIDERAN UNS NUGGETS ESPECTACULARES

Cando os Nuggets xogan ben son un auténtico espectáculo e non hai quen os pare. Intentárono os Raptors digamente, coa baixa de Hedo Turkoglu, pero non lles deron os folgos para aturar o ritmo frenético do equipo de George Karl (112-130), que xoga coma un equipo pero que, ao mesmo tempo, ten xogadores que son auténticas máquinas de anotar. Caso especial o de Carmelo Anthony, un crack cáseque á altura de Kobe ou Lebron. Seica neste partido tiña migrañas. Maldito sexa! Que non fará coa cabeza despexada! Anotou 32 puntos en 30 minutos -non xogou no útlimo cuarto co partido decidido-. Outro anotador insaciable é o JR Smith. Saíndo do banco fixo 29 puntos. Excelente triplista, excelente penetrador, as súas posibilidades se George Karl consegue mantelo centrado son infinitas. Para que estes xogadores anoten, cómpre un base de garantías. E aí aparece Chauncey Billups, que deu un auténtico recital de asistencias. Pero, alén destes figuras, de onte destacaría o partido inmenso do brasileiro Nenê Hilário (20 puntos, 10 rebotes, 5 asistencias, 4 roubos e 4 tapóns). Demasiado para uns Raptors que, algo melloraron respecto á temporada pasada pero que volverán ter que pelear por entrar nos playoffs. Deixo unha das moitas marabillas que fixo Carmelo.

quinta-feira, 19 de novembro de 2009

OS SUNS VENCEN EN HOUSTON GRAZAS Á... DEFENSA!!!

Foi ben curioso. Os Rockets, dos que xa temos falado abondo, estaban a ser superiores aos Suns grazas, precisamente, ao principal sinal de identidade dos de Arizona: correr. Contra o descanso Houston xa fixera 14 puntos de contrataque por ningún de Phoenix. Os de Alvin Gentry, que esta temporada non queren repetir o fiasco da pasada na que quedaron fóra dos playoffs, foron afinando as tecras para sumar a súa décima vitoria. E a principal tecra para desactivar o xogo frenético dos Rockets é a defensa, xa o demostraran facía uns días os Dallas Mavericks. Se Houston non pode xogar con posesións curtas, se non pode chegar e tirar ou procurar o home só na liña de fondo, sofre. E iso pasoulle onte no último cuarto. No aro contrario, en cambio, os Suns sempre teñen recursos. Nash sumou 16 asistencias e Stoudemire 23 puntos. Phoenix é, ata o día de hoxe, o mellor equipo do Oeste. Coa de onte (111-105) suma dez vitorias en 12 partidos, moitas delas grazas á veteranía dos seus homes importantes nos minutos decisivos.

terça-feira, 17 de novembro de 2009

OUTRA VEZ NOWITZKI!!!

Outravolta Dirk Nowitzki armou unha das súas. Fíxoo nun partido que tiña unha pintaza. Os Mavericks, despois de gañar axustadamente en Detroit, visitaban uns Bucks que se impuxeran no partido anterior aos Golden State Warriors cun partido memorable de Brandon Jennings do que xa falamos fai dous posts. Dallas chegaba sen Dampier nin Josh Howard, ambos os dous mancados. Carlisle ten un plantel completísimo. A Dampier relevouno á perfección Drew Gooden, que fixo o seu mellor partido dende que chegou aos Mavs, con 22 puntos e 14 rebotes. A baixa de Josh Howard agochárona ben os homes baixos do equipo: Terry, sempre superfiable, chegou aos 19 puntos, o rookie Beaubois fixo 12 e Barea 11 cun 3 de 5 en triples. Mentres, Mr. Jason Kidd quedou a un punto do triple doble (9 puntos,  10 rebotes e 17 asistencias). Canto Nowitzki... non foi a priori o mellor partido de Nowitzki, inda que acabara o xogo nos seus números (32 puntos e 11 rebotes). Por debaixo do 50% de acerto en tiros de campo, 12 de 25, foi moi ben defendido especialmente por Ersan Ilyasova. O turco fixo o seu mellor partido como profesional da NBA con 19 puntos (4 de 7 en triples) e 12 rebotes, e, sobre todo pola súa defensa do alemán e por dar a cara en ataque nos momentos máis difíciles do partido. Se cadra, de defender Ilyasova a Nowitzki na última xogada, no canto de Mbah-a-Moute, outro galo cantaría. Pero o caso é que no último suspiro do partido colleu o balón decisivo e cun fade away memorable sobre a buguina deulle a oitava vitoria (115-113) aos seus. A Jennings inda lle quedan anos para ter a capacidade de gañar partidos no último segundo. Onte tivo ocasión de evitar a prórroga e logo de meter a canastra decisiva no tempo suplementario e errou nas dúas ocasións. Ben é certo que aínda leva apenas 8 partidos na NBA. A famosa xogada de Nowitzki foi esta.


segunda-feira, 16 de novembro de 2009

MERECIDA REVANCHA DOS ROCKETS CUN GRAN AARON BROOKS

Facía unha semana os Lakers impuxéranse no Toyota Center grazas a unha grande intervención persoal de Kobe Bryant, o mellor do partido con 41 puntos. Onte, eran os Rockets os que visitaban o Staples Center. Desta volta Kobe non tivo o día (18 puntos cun pobre 5 de 20 en tiros de campo) e abondou para que os de Adelman cobraran revancha (101-91). O equipo texano xoga sempre coa mesma intensidade; é dicir, coa máxima intensidade, e quen non estea disposto a correr coma el, ten o partido perdido. O público anxelino acabou apupando o partido dos seus, superados en todo momento, canto á agresividade, polo rival. Apenas Artest, estimulado por enfrontarse aos seus compañeiros, destacou con 22 puntos. Tampouco foron malos os números de Andy Bynum, se ben parece que Phil Jackson explotou pouco o seu poderío, sendo como é o calcaño de Aquiles dos Rockets a ausencia dun center poderoso na pintura. Non lle fai falta aos Rockets ter unha estrela. Non está Yao Ming, non está McGrady, onte tampouco estiveron apenas Scola ou Chuck Hayes, pero sempre hai un feixe de xogadores para facer un gran partido. Onte foi a quenda do sempre cumpridor e talentoso Landry (15 puntos e 10 rebotes), do dinamarqués David Andersen que fixo o seu mellor partido da temporada (19 puntos) e sobre todo do gran Aaron Brooks, todo bravura, que fixo o máximo anotador da súa carreira (33 puntos). No partido Trevor Ariza recollleu o seu anel de campión

BRANDON JENNINGS PROTAGONIZA UN DÍA PARA A HISTORIA

A NBA é unha Liga moi agradecida á hora de ofrecer momentos imborrables, pero o de onte será dificilmente igualable esta temporada. O protagonista, un rapazolo de 20 anos no seu sétimo partido como profesional: 55 puntos que lle meteu el soíño aos Golden State Warriors. A xesta deixou coa boca aberta aos espectadores do Bradley Center de Milwaukee. Despois dun primeiro cuarto no que non tivo apenas protagonismo malia ser titular, e dun segundo no que brillou moito máis e mantivo un fermoso duelo co outro rookie de moda Stephen Curry; no terceiro anotou, practicamente, todo canto intentou. En doce minutos sumou 29 puntos, os mesmos que Nowitzki noutro dos partidos senlleiros da temporada. Grazas á súa intevernción persoal, Jennings axudou ao seu equipo a darlle a volta a un marcador ata o daquela adverso. No último cuarto, con 16 puntos, estableceu a diferencia final entre os dous equipos nun partido realmente igualado e que os Bucks non amarraron (125-129) ata o último minuto. Brandon Jennings convértese deste xeito no xogador máis novo da Historia da NBA (ten 20 anos) en facer 50 puntos nun partido, e quédase a 3 do mellor rexistro anotador dun rookie na Historia (Wilt Chamberlain en 1960 cos Sixers fíxolles 58 aos Pistons). Do mesmo xeito, demarra na careira polo rookie do ano. Scott Skiles frota as mans pensando que co seu novo xogador os Bucks poidan volver por fin, cinco anos despois, a disputar uns playoffs. Jennings é rapidísimo, atrevido e magnífico tirador (fixo onte 7 de 8 en triples). Aquí temos un vídeo da súa proeza.

OS HAWKS DE JAMAL CRAWFORD DANSE UN SUBIDÓN DE AUTOESTIMA

Os Hawks permitíronse un subidón de autoestima tras a vitoria (97-86) ante os Celtics no Garden. Mike Woodson segue argallando un equipiño resultón, con preponderancia do físico mais non exento en absoluto de talento, e vai camiño de consolidarse entre os catro mellores equipos do Leste. Ao suxestivo quinteto inicial (Bibby, Joe Johnson, Josh Smith, Marvin Williams e Al Horford), cada ano máis curtido e maduro, engádeselle un sexto home cunha facilidade innata para a anotación: Jamal Crawford, co cal os Hawks gañarán cada vez máis partidos. Polo momento xa levan 7 de 9 (os Celtics 8 de 10). A principal arma dos Hawks é a súa mocidade e enerxía, precisamente o principal déficit duns Celtics aos que a temporada pasada xa se lles fixo longa de máis. Escollemos un vídeo de Jamal Crawford, repasando algúns dos seus mellores momentos en Knicks ou Warriors.

sexta-feira, 13 de novembro de 2009

SHAQ DESACTIVA A HOWARD E LEBRON E MO MACHACAN AOS MAGIC

No primeiro choque despois das finais de conferencia da temporada pasada, os Cavaliers foron moi superiores (102-93) aos Magic, nun partido no que aos tres minutos Shaquille xa lle gañara a partida a Dwight Howard ao forzarlle dúas faltas persoais. Desactivada a estrela dos de Orlando, Lebron e Mo Williams fixeron estragos ante uns Magic nos que só mostrou boa cara Vince Carter (con 29 puntos), no seu mellor partido dende que abandonara os New Jersey Nets, que por certo están a ser o peor equipo da Liga, con nove derrotas en nove partidos, malia fornecérense con metade dos Magic a cambio de Carter (Corutney Lee, Rafer Alston e Tony Battie). Mo Wiliams estivo extraordinario dende a liña de 3 (4 de 5) e sumou un total de 28 puntos, mentres que Lebron estivo nos seus números habituais de MVP (36 puntos, 8 rebotes e 4 asistencias). Pero a clave foi o duelo Shaq-Howard. O veterano center forzou dúas faltas temperás de Superman, que logo tivo que penar no banco, picado no orgullo, e nuncá máis recuperou a concentración durante o partido, procurandoen defensa a Ilgauskas para non ter que cruzarse co ex-campión de Liga con Orlando Magic.

quinta-feira, 12 de novembro de 2009

IMPÚXOSE TALENTO DE DALLAS E O PODERÍO DE DAMPIER

Tiña moitas ganas de ver este partido entre os agresivos Rockets e os prometedores Mavericks -a miña aposta persoal para esta temporada-. E o partido respondeu ás expectativas e confirmou algunhas das impresións apuntadas nos partidos precedentes. Os de Houston saíron cunha agresividade tremenda, recios en defensa e velocísimos en ataque. Aaron Brooks, con 19 puntos no primeiro cuarto foi a mostra perfecta. No segundo cuarto apareceu Carl Landry, un coloso baixo os aros malia a súa estatura modesta (2.06). Os Rockets conseguiron unha vantaxe no marcador de 17 puntos que parecía un contratempo realmente complicado para Dallas. Pero Carlisle moveu peza, os Mavericks defenderon máis forte, moi lonxe do seu aro, obrigando a tiros difíciles aos xogadores de Adelman, que se curtocircuitaron de vez, e os cracks de Dallas comezaron a facer estragos na canastra contraria. O talento dos Mavs acabouse impoñendo (103-121)aos guerrilleiros Rockets, que só anotaron 13 puntos no terceiro cuarto. Jason Terry foi o máximo anotador do seu equipo con 24 puntos, 23 fixo Nowitzki, 14 Barea e Josh Howard. Os Mavs asinaron un 55,4% en tiros de campo cun 7 de 12 en triples. Pero sobre todas as estrelas de Mark Cuban, brillou un habitualmente secundario, Eric Dampier, que ante a falta de altura dos Rockets, erixiuse no xefe da pintura con 14 puntos e 20 rebotes.

NASH E OS TRIPLES IMPIDEN A VITORIA DOS SIXERS

Os Sixers traballaron ben na pretemporada e apuntan cousas positivas para este primeiro ano despois de Andre Miller. Pero onte, no Wachovia Center, faltoulles a madurez necesaria para lles dar a puntilla a uns Phoenix Suns que gañaron (119-115)grazas a unha actuación soberbia do gran Steve Nash, que anotou 21 puntos e deu 20 asistencias e ao tremendo acerto dende a liña de 3 (15 de 30), salientando nesta faceta Jason Richardson, que cravou 6 de 8. Despois de quedaren fóra dos play offs o ano pasado, os Suns comezaron este embalados, con 7 vitorias en 8 partidos, e afinando aínda máis a filosofía de xogo que quere Alvin Gentry. Pola súa banda os Sixers poden dar un pasiño adiante se se confirma a explosión definitiva de Thaddeus Young e, sobre todo, de Marreese Speights, que despois de que lle administrase os minutos DiLeo, conta no seu segundo ano como profesional coa total confianza de Eddie Jordan para se converter nun dos piares fundamentais do equipo. Do mesmo xeito, Iguodala é o único líder do equipo despois da marcha de Miller, polo que debe medrar o seu protagonismo, e Elton Brand ten a oportunidade de emendar a súa discreta temporada pasada. En canto Lou Williams, base titular, ten unha interesante marxe de progresión e achegará moitos puntos cada partido, pero aínda ten que madurar. Onte, nos minutos decisivos, fallou todo canto intentou, mentres que Nash gañaba el so o partido. Dediquémoslle o vídeo de hoxe ao xenial base canadense.

segunda-feira, 9 de novembro de 2009

NOVA EXHIBICIÓN DOS MAVS NA VOLTA DE JOSH HOWARD

Nova exhibición dos Mavericks, desta volta ante Toronto Raptors (101-129), o último equipo de Shawn Marion, no día da volta de Josh Howard, outro crack para engadir a un equipo que funciona de marabilla. As porcentaxes de acerto no partido dos homes de Carlisle foi extraordinaria: 62,4%, cun 50% (10 de 20) nos triples. Apenas lle deron opcións a uns Raptors que se sobreviviron no primeiro tempo foi grazas á súa maior intensidade á hora de ir polo rebote ofensivo, pero os canadenses adoecen dunha irregularidade francamente preocupante. O seu quinteto inicial con Calderón , Turkoglue, Bosh e Bargnani desborda talento, pero non conta con gran profundidade no banco e non se caracteriza precisamente pola súa agresividade. Todo o contrario que os Mavs, que morden, e onde salienta o gran Jason Terry, anotador insaciable -o sexto home máis anotador da Liga- onte 19 puntos cun 8-12 en tiros de campo-. Barea inchouse a dar asistencias (12), Singleton chegou aos dez puntos... e inda faltan por recuperarse das lesións Drew Gooden e Tim Thomas. Josh Howard estivo sensacional no seu retorno: 16 puntos. Howard ten un enorme talento pero adoita protagonizar numerosas polémicas extradeportivas. O ano pasado, despois de participar en carreiras ilegais e confesar a súa afición á marihuana, foi famosa esta, na que di pasar do himno dos Estados Unidos . Quitando o das carreiras ilegais, eu tampouco vexo que ten de malo o resto.




LEBRON SEMPRE O PASA PIPA EN NEW YORK

Non parece que este vaia ser o ano dos Knicks. Seguen en caída libre, esperando que no famoso 2010 se faga realidade iso do que falan moitos: a chegada de Lebron James ao Madison Square Garden. Non sei se será certo ou non que o MVP da Liga acabe xogando nos Knicks, pero si que é certo que cada vez que chega a Manhattan, Lebron ten ganas de pasalo ben. Onte comezou o partido anotando de todas as maneiras posibles, sen perder en ningún momento o sorriso da cara. Fixo 20 puntos no primeiro cuarto que serviron para romper o partido definitivamente (100-91)  (Lebron acabou con 33 puntos, 8 rebotes e 9 asistencias). Con todo, o home chamado a dominar a NBA na vindeira década inda non conseguiu o máis prezado premio para un xogador profesional do baloncesto: o anel de campión e, honestamente, difícil vexo que poida conseguilo este ano, cun equipo estancado ao seu redor, inda que chegase Shaquille, na procura dun quinto anel para completar os dedos dunha man. Pola súa banda, os Knicks terán cáseque imposible chegar a playoffs. Alegres en ataque pero moito máis alegres en defensa, e con Nate Robinson lesionado, apenas lles queda a consistencia e intelixencia de David Lee no posto de 5 e a boa man cos triples do italiano Danilo Gallinari. Por iso devecen por Lebron, mentres que en Ohio non queren imaxinar a marcha do seu ídolo e paisano.


OS ROCKETS IMPARABLES BAIXO O ESPÍRITO SCOLA

Os Rockets seguen indo cunha velocidade máis co resto da Liga. Xogan cada partido como se fose unha final de Conferencia e fan que o Toyota Center sexa a cancha máis estimulante deste comezo de campionato. Sen parar a pensar en que van ter que afrontar toda a temporada sen Yao Ming e case toda sen T-Mac, os homes de Adelman son un equipo conxuntado ao que lle gusta defender con intensidade e correr cada vez que teñen oportunidade en ataque. Non se relaxan nunca. Onte visitábanos os Oklahoma City Thunder, equipo prometedor pero novato aínda, e non lle deron a máis mínima oportunidade (94-105). unha vez máis ata cinco xogadores dos Rockets sumaron máis de dez puntos. Despois da exhibición ante Utah e de perder o partido ante os Lakers por molestias, volveu brillar o rookie, Chase Budinger, con 16 puntos en 21 minutos. Espectaculares estiveron Brooks e Lowry na dirección do xogo, mentres que Lowry foi todo un coloso baixo os aros, con 21 puntos e 9 rebotes (5 deles en atque). Con todo, o gran líder deste equipo segue sendo Luis Scola, todo un veterano inda que estea aínda no seu terceiro ano na Liga. Abonado ao doble-doble, onte fixo 19 puntos e 10 rebotes. Por parte dos Thunder, como era de esperar, toda a resposta dérona dous homes: Kevin Durant fixo 29 puntos e 7 rebotes, mentres que un gran Russell Westbrook anotou 3 puntos, deu 7 asistencias e apañou cinco rebotes. Como homenaxe a Scola recuperamos unha xogada de cando aínda andaba pola LEB, no Xixón Baloncesto, adestrado polo galego Moncho López.

ACREDITO NOS NUGGETS PERO ESTE NON FOI O DÍA

Primeiro partido que lles vexo aos Nuggets. Honestamente acredito moito neste equipo e nas súas posibilidades de repetir ou mellorar a excelente temporada pasada na que disputaron ante os Lakers as finais de Conferencia. Este curso comezárono con cinco vitorias consecutivas pero no sexto decepcionaron. Perderon con claridade (88-96) na cancha duns Miami Heat que tamén comezan disparados e que non deberan ter demasiados problemas para estaren nos play offs. Liderados polo gran Dwayne Wade, os Heat son un conxunto cada vez máis sólido, con Jermaine O´Neal, Udonis Haslem ou Quentin Richardson achegando veteranía, e Mario Chalmers e Beasley a piques da súa explosión definitiva. Onte aos Nuggets non lles funcionou nada. Se cadra porque fallou o cerebro deste equipo frenético. Chauncey Billups tivo un partido para esquecer con apenas 6 puntos e 2 asistencias en 30 minutos. Tampouco foi o día de Nené, Andersen ou Kenyon Martin, que tivo que deixar o xogo mancado. Entrementres segue sendo baixa JR Smith. George Karl só poderá salvar do día de onte o acerto do gran Carmelo Anthony, que polo momento segue sendo o máximo anotador da Liga, e a boa acttude da segunda unidade, que encabezada por dúas incorporacións ben interesantes: o rookie Ty Lawson, campión con UCLA, e o ex dos Pistons Arron Afflalo, non deron nunca por perdido o partido e fixeron un meritorio último cuarto con parcial a favor de 32-18.

sábado, 7 de novembro de 2009

FENDAS NO QUICKEN LOANS ARENA

Os Cavs xa perderon en dúas semanas tantos partidos na súa cancha como en toda a pasada Liga Regular. Despois de que os Celtics profanaran 'the Q' na xornada inaugural, onte foi a quenda dos Chicago Bulls (86-85), nun partido duro, trabado, e no que Lebron James non puido decidir no último segundo grazas a unha intelixente defensa de Joakim Noah. Os Cavaliers empezan mal, xerando dúbidas sobre o verdadeiro potencial do plantel, con Mo Williams lonxe da súa mellor forma -onte errou dous tiros relativamente fáciles no último minuto- , Delonte West aínda non recuperado dos seus problemas psíquicos, Anthony Parker demostrando que non é xogador para un equipo campión e Zydrunas Ilgauskas lento, vello e fatigado. Apenas se salvan a intensidade de Varejao e os minutos de Shaq, que segue sendo imparable na pintura. Os Bulls, pola contra, seguen demostrando carácter e espírito de equipo. Derrick Rose non estivo brillante pero si cumpridor con 14 puntos e 11 rebotes, Luol Deng e John Salmons meteron canastras importantes cando había que metelas e, coma sempre, Hinrich e Brad Miller achegaron os seus minutos de calidade dende o banco.



ARIZA E ARTEST PROTAGONISTAS NUN PARTIDO VIBRANTE

Partidazo no Toyota Center! Que magoa que os Rockets non teñan este ano a Yao Ming, porque é un equipo que merece mellor sorte. Xa falei abondo sobre a intensidade e o espírito gañador deste equipo. Onte ante os Lakers deixárono todo na cancha para ofrecer un grande espectáculo. Só unha cousa se lles bota en falta, precisamente un home alto para defender a pivots como por exemplo Andy Bynum, que fixo moito dano en canto non estivo en cancha Chuck Hayes. Impresionante en todo caso, o partidazo de Carl Landry (20 puntazos) e de Luis Scola (16 puntos e 13 rebotes). Por desgraza o grande esforzo colectivo dos de Adelman non valeu de nada ante uns Lakers mediocres no que o único facho aceso tíñao o gran Kobe Bryant, que gañou so o partido (103-102) con 41 puntos -os Lakers deberan preocuparse pola pouca achega da súa segunda unidade-. Era un día con morbo, pois voltaba Artest a Houston e era o primeiro partido de Ariza contra o seu ex-equipo. Como se ve no vídeo, tiveron un papel determinante e francamente emotivo. As dúas últimas xogadas do último cuarto protagonizáronas eles: Artest  cun triple parecía deixar sentenciado o partido. Na última xogada empata Ariza con outro triplazo. O Toyota Center cáseque se ven abaixo. Logo na prórroga a emoción foi máxima pero Kobe impuxo a súa lei.

sexta-feira, 6 de novembro de 2009

OS CELTICS VAN COMO MOTOS E A ´BOA ONDA´ ENTRE RAMBIS E MCHALE

Os Celtics van coma motos. Xa levan seis vitorias en seis partidos. A última (92-90) no Target Center de Minneapolis, ante os Timberwolves. Non necesitaron os de Massachussets facer un partido soberbio. Marcharon a maior parte do tempo atrás no marcador, pero a unha distancia suficiente como para dar a aguilloada no momento oportuno. Ten morbo cada vez que os Celtics visitan Minnesota pois alí se fixo grande Kevin Garnett. Fai tres temporadas o seu traspaso aos Celtics supuxo a chegada de sete xogadores de Boston aos Timberwolves. Onte xogaron dous: Ryan Gomes e Al Jefferson. Jefferson é, na actualidade o xogador franquía do equipo, un pívot completísimo que non desentonaría en absoluto nun equipo campión. Pero onte non estivo especialmente acertado ante os seus ex-compañeiros. Si o estivo, sorprendentemente, o ucraniano de Donetsk Oleksiy Pecherov, con 22 puntos e un partido excepcional, dos que non tivo oportunidade de xogar en Washington. Con todo, aos Timberwolves fáltanlles xogadores determinantes que gañen eles sós os partidos. Onte dispuxeron de posesión para empatar ou gañar. Intentouno Brewer pero Garnett, máis listo ca un allo, meteu a man e forzou un salto entre dous. Especialmente atinado para entender o que aconteceu durante o xogo o primeiro parágrafo da crónica da web oficial da NBA: As súas pernas foron o motivo polo que os Celtics estiveron a piques de perder por primeira vez este mércores. As súas cabezas o motivo polo que non o fixeron. Como anécdota dicir que o General Manager de Minnesotta é todo un mito dos Celtics, Kevin McHale. Este ano decidiu confiarlle o banco a todo un mito dos Lakers: Kurt Rambis. Vese que se levan ben. Ninguén o diría vendo esta lea durante as míticas finais da NBA de 1984.

TERRY E BAREA PERDOAN, STOJAKOVIC NON

Os Mavericks seguen ofrecendo partidos vibrantes. Despois da gloriosa remontada ante os Jazz a noite anterior coa exhibición histórica de Nowitzki no último cuarto, da que falamos onte, tiñan oportunidade de conseguir a súa carta vitoria consecutiva na cancha dos Hornets. O equipo de Byron Scott, que comezou tan mal a Liga como acabou a pasada, saíu motivado para non acumular a cuarta derrota consecutiva e deulle guerra aos Mavs, e cun chisco de sorte incluída, acabaron conseguindo a vitoria (107-114). Dallas non contou desta volta cunha actuación memorable de Nowitzki, nin foi o día de Shawn Marion. Jason Kidd estivo ben, anotando con grnde eficacia dende a liña de tres, se ben o grande protagonista anotador foi Jason Terry, que mesmo quixo emular a Nowitzki cun último cuarto sensacional no que anotou 19 puntos. Porén, o propio Terry foi tamén protagonista da acción negativa que decidiu o partido, xunto co portorriqueño J.J.Barea. A falta de menos de 10 segundos e con tres puntos de vantaxe os Mavericks contaron con tres tiros libres (unha técnica e unha falta persoal) para sentenciar definitivamente o partido. Terry fallou primeiro e Barea os dous seguintes. Os Hornets tiñan, xa que logo, a posibilidade inesperada de forzar a prórroga. Conseguírono cun triple agónico e marabilloso dun xogador que pasara sen pena nin gloria polo partido, o gran Peja Stojakovic, que coa triple anotou os seus tres únicos puntos do partido. Peja non é nin a sombra do que foi pero o talento é o que ten. Na prórroga, os de Louisiana, co subidón aínda no corpo non lle deron máis oportunidades a Dallas, onde Nowitzki, non se sabe se por molestias físicas ou decisión técnica, non xogou os minutos decisivos do último cuarto nin a prórroga. Os Hornets seguen acusando en exceso a dependencia de Chris Paul (39 puntos e 7 asistencias) e David West (25 punos e 10 rebotes). Esta temporada procuraron paliar un dos seus grandes déficits, a ausencia dun cinco de calidade, coa chegada de Emeka Okafor, que onte tivo con todo un partido discreto. Podedes ver o resumo do partido neste video:

quarta-feira, 4 de novembro de 2009

PERO QUE FIXECHES NOWITZKI, ANIMAL!!!

Absolutamente alucinante o que fixo onte o animal de Dirk Nowitzki!!! Posiblemente o primeiro gran momentazo do campionato. Os Dallas Mavericks viñan de sumar dúas brillantes vitorias en Los Ángeles ante Lakers e Clippers e recibían na súa cancha uns Jazz que saíran escaldados o día anterior ante os Rockets. Os de Utah parecían atragoárselles aos homes de Carlisle. Marion, unha fichaxe que apunta a grande acerto que vai implementar moito o rendemento do equipo esta temporada, bateu por vez primeira cun defensa máis alto ca el, Kirilenko, que non lle permitiu lucir no poste baixo coma nos dous partidos anteriores. Despois dun primeiro tempo igualado, no terceiro cuarto a baralla rompeu do lado dos Jazz, grazas en boa medida a un brillante Deron Williams. Con 15 puntos de desvantaxe (67-52) era unha boa ocasión para medir a capacidade competitiva dos Mavericks. E vaites! Abofé que tomaron en serio o tema remontada, ou mellor dito, abofé que tomou en serio Dirk o tema remontada. A exhibición do alemán foi inesquecible, das que pasarán a historia -bateu, claro está, o record de anotación nun cuarto da historia da súa franquía-. Nada menos que 29 puntos de todas as maneiras posibles, cunhas porcentaxes de acerto estarrecedoras. Okur, que fixera un bo partido ata ese momento, quedou retratado en defensa, superado unha e outra vez polo xenio das guedellas loiras. Vitoria espectacular (85-96) duns Mavericks que cada día me gustan máis e aos que só lles falta para pensar nas máis altas cotas que Nowitzki decida, efectivamente, postularse para MVP.

O BAIXÓN DOS JAZZ, A COMPETITIVIDADE ARXENTINA E O ROOKIE DE ENCINITAS

Fai tempo que os Jazz andan de baixón e nin o propio Jerry Sloan ten moi claro que facer para encirralos. Onte perderon (113-96) cos Houston Rockets, que son máis ben todo o contrario. Malia a baixa de Yao Ming para toda a temporada, o equipo de Adelman está composto por unha chea de guerrilleiros que non baixan nunca a cabeza e teñen unha fe inquebrantable na vitoria. Esa, no fútbol, é característica polo xeral dos xogadores arxentinos, mais no básquet tamén, pois ninguén representa mellor ese espírito en Texas que Luis Scola, loitador infatigable baixo os aros, cuxo rendemento dificilmente perxudica ao equipo. Onte sumou 14 puntos e 15 rebotes, e iso que apenas pisou a cancha no último cuarto, sabedor Adelman de que este ano ten que administrar ben os seus recursos. A falta dunha estrela de referencia os Rockets son un bloque aguerrido. Onte ata oito xogadores superaron os 10 puntos de anotación. Brooks e Lowry, dous bases frenéticos, póñenlle ao xogo a velocidade que determina a intensidade do equipo, Ariza e Battier son excelentes defensores e pouco fallan dende a liña de tres, e alén de Scola, Landry e Hayes tampouco teñen problema para faxarse con ninguén. Onte, alén diso, emerxeu con brillantez o rookie Chase Budinger. Nado en Encinitas, California fai 21 anos, chegou da Universidade de Arizona. Nos seus tempos de college combinaba indistintamente baloncesto e voleibol, deporte no que algúns auguraban que sería ´o novo Lebron James'. Finalmente optou polo básquet e onte fixo o seu primeiro gran partido como profesional con canastras como esta:

PERO QUE PARTIDO TAN HORROROSO!

OS Oklahoma City Thunder é un equipo cuxo futuro non pode ser máis alentador. Aséntase sobre tres piares novos (Russel Westbrook-2º ano, Jeff Green e Kevin Durant 3ºano)cunha espectacular marxe de progresión por diante. A medida que os donos da franquía saiban armar intelixentemente un bo equipo ao seur redor, falaremos abofé dun equipo de play off. Esta temporada comezaron ben, con dúas vitorias ante os pobres Kings e os empobrecidos Pistons. A visita dos Blazers era unha boa oportunidade para medir as verdadeiras posibilidades da franquía. Pero o partido resultou un dos partidos máis horrorosos dos que teño memoria. Cada cuarto era pior co anterior: unha sucesión encadeada de despropósitos: erros no tiro, balóns perdidos, faltas innecesarias... Os Thunder perderon, inda que para o mal que estiveron fixéronlle suar abondo aos de Oregon. Russell Westbrook perdeu ata 9 bolas e Durant apenas anotou 3 dos seus 21 tiros. Os Blazers tampouco estiveron para botar foguetes. A Greg Oden véselle poderío abondo para dominar na zona pero pouco sentido -onte cargouse axiña e innecesariamente con 5 faltas-. O único nome propio do partido Steve Blake, con 4 de 5 en triples, algún deles fundamental para romper definitivamente o partido. Para esquecer o pésimo partido gocemos cun vídeo do que vai ser un dos mellores xogadores desta liga nos próximos anos: Kevin Durant.

segunda-feira, 2 de novembro de 2009

DE 'DJALMINHA' DAVIS E O GRAN CHRIS KAMAN

Os Dallas Mavericks seguen a súa racha triunfal por California. Despois de derrotar brillantemente aos Lakers. impuxéronse aos Clippers do gran Baron Davis (93-84). É unha mágoa o pobre estado de forma no que está o ex dos Warriors.Non son amigo de símiles, pero sempre que penso en Baron Davis acabo pensando en Djalminha. Como o brasileiro no fútbol, Davis ten un talento inmenso para o baloncesto, pero vese que non ten demasiada ansia pola competición. Con todo, sempre permanece a lembranza da marabillosa serie de play off entre Golden State e Utah Jazz na que Baron Davis fixo isto, entre outras moitas cousas:


O partido de Dallas non foi especialmente espectacular pero demostrou que este plantel ten solidez abonda para competir ao máis alto nivel e que a fichaxe de Shawn Marion foi todo un acerto. Aproveita á perfección o espazo que deixa Nowitzki no poste baixo para facer estragos e cada vez enténdese mellor co gran Jason Kidd. Outro detalle bonito do partido o encontro entre dous alemáns: Nowitzki e Chris Kaman, que foron compañeiros de selección nos pasados Xogos Olímpicos. Nowitzki estivo como sempre, pero Kaman estivo xenial e fixo o máximo de anotación da súa carreira (27 puntos). Kaman ten tanta clase que é un pracer velo xogar.


domingo, 1 de novembro de 2009

AS DÚBIDAS SOBRE ARTEST, A ESPERANZA MARION E O CHIMPO DESCOMUNAL DE BROWN

Os Lakers fixeron un partido horroroso no Staples ante os Mavericks e perderon (94-80). Honestamente penso que os californianos saíron perdendo no intercambio Ariza- Artest. Sobrados de talento, deixaron escapar unha peza fundamental en actitude defensiva e intensidade en calquera das facetas do xogo. Os Rockets, porén, tampouco creo que saíran gañando, pois non andan precisamente sobrados de xogadores do talento de Artest. Onte a súa achega foi para esquecer: 3 puntos e 5 faltas persoais. Phil Jackson debe andar rezando para que volva canto antes Pau Gasol, ao que necesitan os Lakers coma auga de maio. En cambio, os Dallas Mavericks, equipo veterano, reforzouse con moito sentido e mantén o bo ton de xogo do treito final da pasada campaña. Para dentro ten dous xogadores serios Humphries e Gooden, que lle poden dar un recambio de garantías a Dampier. por outro lado, a chegada de Shawn Marion pode supór un saltiño de calidade para o plantel. Onte estivo extraordinario e os seus oito puntos no último cuarto abortaron calquera asomo de remontada dos Lakers. Con todo, a xogada do partido protagonizouna Shannon Brown, que machaca con rabia despois dun chimpo descomunal. Brown, foi o único xogador dos Lakers que achegou algunha cousa intereante saíndo dende o banco.

PROMETEDORES BULLS, AVELLENTADOS SPURS E O IDILIO DE DUNCAN COA TÁBOA

Partido realmente interesante no United Center entre os Bulls e San Antonio Spurs (85-92). Chicago foi a franquía que talvez mellor se reforzou no pasado mercado invernal, de feito fixo un espectacular treito final de Liga coa histórica eliminatoria das sete prórrogas nos playoffs contra os Boston Celtics. Esta temporada o equipo parte con maiores expectativas que a temporada pasada. Derrick Rose, un dos bases máis completos dos últimos anos, no seu segundo ano como profesional, debe liderar o plantel. O partido contra os Spurs demostra como en efecto Chicago é un grupo de calidade e consistente. Ata seis xogadores superaron os dez puntos de anotación, e Miller quedou en nove. Precisamente os veteranos Brad Miller e Kirk Hinrrich, que entran dende o banco,  antóllanse pezas senlleiras para a cohesión do grupo. Os San Antonio Spurs, en cambio, son un grupo máis avellentado cada ano que pasa. A única incorporación de sona para esta campaña foi a de Richard Jefferson, moi discreto en Chicago. en todo caso, ao nível dos seus compañeiros, agás un extraordinario Tim Duncan, que segue dando cada partido leccións de fundamentos e mantén dende os seus inicios un apaixonado idilio cos taboleiros. Que bonitas son as canastas a táboa.


Arquivo do blogue

Seguidores